Este pasado fin de semana Lugo foi a sede de unha Conferencia Europea e Centroamericana para tratar sobre a reconstrucción de Haití. Como todos sabemos este país caribeño sufriu un terrible terremoto o día 12 de xaneiro do ano en curso. Preto de 300.000 mortos e perdas materiais incalculables.
Haití sufre desde o seu nacemento como país unha traxedia continua e por iso as súas xentes pasan por ser dos máis pobres do planeta co que nos damos conta da cantidade de sufrimento continuo delas. O terremoto veu poñer ante os ollos de todos esa situación de unha forma aínda mais descarnada. É certo que veñen recibindo moitas axudas desde hai tempo e é posible, ou case seguro, que moitas delas non chegan de unha forma directa os máis afectados. Co terremoto as axudas se multiplicaron pero aínda se multiplicaron máis as promesas de axudas. Moitas delas non chegaron. Chegarán?.
Esta foi a petición unánime das autoridades de Haití. Saben que se tardarán uns vinte anos na reconstrucción no máis amplo sentido da palabra, pero non poden esperar moito máis tempo. Hai preto de 1.300.000 persoas vivindo en tendas de campaña nunha época na que se prevén a chegada dos furacáns e máis de 1.800.000Tm. de escombros sen sacar das súas rúas. E ademais eleccións presidenciais en novembro.
Deixaron claro que queren desenvolverse como país. Teñen claro que teñen moitas cousas que cambiar e que desenvolver; pero véselles ánimo, a pesar do desacougo, de reconstruír o seu país no máis amplo sentido: non só fisicamente, senón no campo do desenvolvemento, da democracia política, na educación, na agricultura…Dicía a Embaixadora en Madrid que esa desgracia pode ser a gran oportunidade para que Haití cambie o rumbo da súa historia.
Pero necesitan a cooperación internacional. Pero xa. Non poden esperar moito máis tempo para non perder aquelo que teñen hoxe en abundancia: a esperanza. Volverá o mundo desenvolvido a darlles as costas?.




